20/01/15 - Conta cunha web propia para acceder ás actividades en Galicia

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

Galicia súmase á celebración do Ano Internacional da Luz 2015

  • [ Conmemoracións 2015 ]
  •  
  • O comité galego que coordina a celebración do Ano Internacional da Luz 2015 en Galicia quixo unirse á inauguración oficial cunha conexión en directo dende o campus de Ourense á cerimonia celebrada na sede da UNESCO en París e á conferencia inaugural ofrecida por Ahmed Zewail, galardoado co premio Nobel de Química en 1999 pola invención e investigación da chamada femtoquímica.

    As actividades que se desenvolvan en Galicia estarán centralizadas nunha páxina web: http://ail2015.laserphotonics.org/, un espazo en continua construción na que se poderán atopar, ademais, información sobre esta conmemoración, noticias ou mesmo as entidades colaboradoras.

    Entre as actividades máis salientables figuran tres concursos coa luz como conexión -literario, gráfico e experimental- dirixidos a toda a poboación.

    O concurso Que é a luz para ti? pretende animar á sociedade a expresar en galego o que lle inspira a luz en dúas categorías, microrrelatos e poesía. Con As mil e unha luces búscase poñer de manifesto a evidente relación entre luz e imaxe a través da súa manifestación gráfica en diferentes soportes mentres que con Coas mans na luz dáselle cabida a experimentos caseiros ou divulgativos, individuais ou en grupo, que deben ser recollidos en vídeo para despois ser valorados. As bases e prazos atópanse na propia web do Ano Internacional da Luz de Galicia.

    Os temas para participar nestes concursos poden ser do máis variados, dende os relacionados coas propiedades físicas da luz, os fenómenos ópticos ou os instrumentos que fan a vida cotiá máis doada ata os dominios da arte ou da maxia. Os premios variarán en función da categoría de idade: 300 euros para os maiores de 18 anos, un telescopio astronómico newtoniano para os de entre 13 e 18 e un telescopio para os menores de 13 anos. Todos serán agasallados ademais cun diploma acreditativo.

    Fonte: DUVI

     

Pe de paxina