07/07/16 - Outros dous traballos da Universidade de Vigo recibiron mención de honra

A Semana da Ciencia da ETSE de Minas queda finalista dos Premios Ciencia en Acción 2016

  • [ Semana da Ciencia ]
  •  
  • A Semana da Ciencia da ETS de Enxeñaría de Minas é un dos traballos finalistas dos Premios Ciencia en Acción 2016, un dos certames máis importantes a nivel nacional no ámbito da difusión e a divulgación da ciencia e a tecnoloxía e ao que se presentaron un total de 440 proxectos. O nome da proposta gañadora coñecerase na final de Ciencia en Acción en Alxeciras (Cádiz) o vindeiro mes de outubro. Pola súa banda, a web Actividades manipulativas en liña para a aprendizaxe da Física nos graos en enxeñaría, impulsada por alumnado da escola, recibirá neste mesmo certame unha Mención de Honra na modalidade Materiais didácticos de ciencias en soporte interacivo (Premio IBM).

    Xunto a estes dous recoñecementos, a edición 2016 de Ciencia en Acción concederá outra Mención de Honra, neste caso na modalidade Traballos de divulgación científica. Libros, revistas e redes sociais ao traballo Ciencia que Conta, impulsado polos profesores da Universidade de Vigo Pío Manuel González, Eduardo García, Julia Serra, Stefano Chiussi e Paulino Pérez, “por ser un concurso de relatos científicos de gran participación e cun claro compromiso da comunidade escolar galega e as súas familias pola ciencia”.

    Fonte: DUVI

Pe de paxina