20/12/16 - É catedrático de Electromagnetismo da USC e divulgador

Contanos as tuas actividades Organizas actividades de divulgación?
CÓNTANOS!

Jorge Mira é elexido como académico correspondente da RAG

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O Pleno da Real Academia Galega acaba de aprobar o nomeamento de dous novos académicos correspondentes. Na xuntanza ordinaria celebrada o pasado sábado 16 de decembro na sede da institución, foron votadas favorablemente as propostas recibidas para outorgar este recoñecemento ao científico Jorge Mira Pérez e a Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro, director xeral do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Buenos Aires.

    Jorge Mira (Baio, 1968) é catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela. Alén das liñas de investigación que mantén en eidos exclusivos das ciencias experimentais, traballa na modelización matemática de sistemas sociais aplicada ás dinámicas lingüísticas, campo no que creou un modelo que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán en Galicia. En relación con estes estudos, colabora desde 2014 co Seminario de Sociolingüística da RAG traballando nun proxecto de socioloxía da lingua, demografía e evolución.

    Jorge Mira é tamén un recoñecido divulgador científico. É autor dos libros A ciencia no punto de mira (2010) e A que altura está o ceo? (2016), colabora desde finais dos anos noventa en varios medios de comunicación achegando a ciencia ao público xeral en lingua galega (RG, TVG, TVE-Galicia e La Voz de Galicia), é o responsable do programa Conciencia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), codirixe a colección de divulgación científica da editorial da USC, é responsable do primeiro nodo español da rede internacional Nerd Nite (sesións de charlas científicas breves) e imparte numerosas conferencias e accións formativas. É ademais membro do consello de redacción de Grial e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.

    O seu labor divulgador mereceu, entre outros, o Premio Física en Acción da Real Sociedad Española de Física (2000), unha mención de honra do Premio Ciutat de lles arts i de lles ciencies de Valencia (2001), o Premio Nacional Ciencia en Acción do Ministerio de Educación e o EIROForum (2005), e Premio José María Savirón (2001). O compromiso que mantén coa lingua galega foille recoñecido coa concesión do XX Premio Lois Peña Novo.

    Fonte: RAG

Pe de paxina