11/06/18 - O Consello da Xunta acordou concederlle o recoñecemento á catedrática

A científica María José Alonso, recoñecida coa Medalla Castelao

  • [ Máis divulgación ]
  •  
  • O Consello da Xunta de Galicia acaba de facer pública a súa decisión de conceder a Medalla Castelao 2018 á catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso. Esta é unha distinción que a administración autonómica outorga a galegos e galegas cuxa obra en calquera faceta da actividade humana se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Ademais da docente da USC, recibirán a Medalla Isabel Aguirre de Úrcola, Jesús Domínguz Fernández, Xesús Mato Mato e o colectivo de carteiros rurais de Galicia (Correos).

    María José Alonso é autora de 240 publicacións científicas con máis de 13.000 citas (factor h 67) e inventora de 20 familias de patentes. A calidade do seus traballos levouna a situarse entre os dez investigadores máis importantes do mundo en Farmacoloxía, segundo o ránking internacional Times Higher Education en 2010, sendo a investigadora española máis influínte en Farmacia e Farmacoloxía, de acordo co ránking do índice h.

    O laboratorio de María José Alonso ten liderado numerosos descubrimentos no campo da Tecnoloxía Nanofarmacéutica. Ademais, a profesora Alonso coordinou varios consorcios de investigación internacionais financiados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Fundación Gates e a Comisión Europea. Actualmente participa en sete proxectos internacional, cinco deles financiados pola Comisión Europea.

    Ao longo da súa carreira leva recibidos numerosos premios, entre os que destacan o premio Jaume I de Novas Tecnoloxías, o premio Maurice Marie Janot, o premio Nóvoa Santos e o María Josefa Wonenburger. É membro de tres academias en España: a Real Academia Nacional de Farmacia, a Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia, ademais da pertencer á Academia de Medicina de Estados Unidos. Ademais, recentemente foi elixida presidenta da Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito do sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. Igualmente foi designada para forma parte da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos e do prestixioso College of Fellows do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE) de Estados Unidos.

    Fonte: Xornal da USC

Pe de paxina